Wednesday 15 de May de 2024

O Centro Superior de Hostalería de Galicia inaugura o curso 2015-2016 con 400 novos alumnos


Os alumnos participarán nun dos programas académicos de maior prestixio en España que integra un equipo docente de alto nivel e un deseño dual que combina á perfección a formación teórica coa práctica

O Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG) inaugurou o curso 2015-16 que conta con 400 alumnos que estudarán
dirección hoteleira, xestión en cociña e bachelor europeo.

Este centro de ensinanza superior leva formando dende 1995 directivos hostaleiros e xestores en cociña cunha metodoloxía moderna e eficaz, coa que o alumnado acada os máis altos niveis de profesionalidade activa na súa futura profesión.

Dende o ano en que se puxo en marcha o primeiro curso de Diploma de Xestión de Empresas Hostaleiras, o CSHG formou xa a máis 2.000 directivos que desenvolveron o seu labor en empresas hostaleiras e turísticas de todo o mundo.

A directora do Centro, Marta Fernández, foi a encargada de inaugurar hoxe un novo curso nun acto que contou tamén coa participación do vicerreitor de Oferta Docente e Innovación Educativa da USC, Roberto Javier López, e de dous antigos alumnos do Centro, Javier Rodríguez, Taky, do Grupo Nove e chef executivo do grupo Boketé; e Pablo Guitián, director do hotel AC Puerta del Carmen de Santiago.

Durante a súa intervención Marta Fernández destacou que o Centro Superior de Hostalería de Galicia constitúe un referente da formación hostaleira tanto a nivel nacional como internacional.

Así mesmo, a directora do CSHG trasladoulle aos alumnos que participan nun dos programas académicos de maior prestixio en España que integra un equipo docente de alto nivel e un deseño dual que combina á perfección a formación teórica coa práctica.

Pola súa parte, o antigo alumno Pablo Guitián, director do AC Puerta del Carmen defendeu a idoneidade de estudar no Centro e destacou a importancia das súas prácticas, das que afirmou constitúen unha gran oportunidade para acceder ao mercado laboral.

A continuación, o cociñeiro do Grupo Nove Taky, un dos primeiros alumnos matriculados no CSHG fai 20 anos, resaltou a súa propia experiencia profesional e a dos seus compañeiros dos que afirmou que conseguiron tamén postos de responsabilidade en empresas punteiras.

Aposta pola formación
A importancia estratéxica do turismo en Galicia e a necesidade de contar con directivos especializados en xestión hoteleira foron os motivos que levaron ao goberno galego a crear o Centro Superior de Hostelería de Galicia en 1993.

A súa creación e impulso é unha iniciativa máis da Xunta de Galicia a prol da formación dos recursos humanos da nosa comunidade para a acadar un sector turístico competitivo e de calidade.

Esta aposta da Administración turística galega pola formación esta tamén reflectida no Plan Integral de Turismo o cal dedica unha das súas liñas estratéxicas ao fomento do talento para acadar un sector competitivo.

Así Turismo de Galicia desenvolve un plan de acción específico orientado á formación especializada nos diferentes ámbitos do sector turístico de Galicia.